viernes, 20 de abril de 2012

Novamente... uso fraudulento do parque móbil da Xunta

Secretarios xerais que usan o coche público para ir ao ximnasio e altos cargos que recollen aos fillos na escola no vehículo da Xunta. Estas son só dúas das irregularidades denunciadas hoxe polo comité de traballadores de San Caetano.

Fte: Galicia Confidencial
O uso do parque móbil da Xunta por parte dos altos cargos do bipartito foi un dos grandes argumentos de Alberto Nuñez Feijóo cando era líder da oposición. Agora a Xunta de Persoal Funcionario dos Servizos Centrais da Administración Galega destapa toda unha serie de irregularidades no uso dos coches públicos por parte de altos cargos nomeados polo PPdeG.
Uso de coches públicos para tarefas particulares

Os traballadores denuncian que hai un secretario que usa o coche oficial con chofer para ir ao ximnasio. Os asalariados non desvelan publicamente a identidade do presunto infractor, pero aseguran que remitiron o seu nome e matrícula do vehículo ao Goberno, canda o resto de denunciados.

Entre eles están "vehículos sen rotular que se utilizan para ir levar os nenos á escola" e "incluso un vehículo co logo da Consellaría de Medio Ambiente ao que
se lle engancha un remolque cargado de leña ou de herba para uso particular".

O Goberno Feijóo limitou o uso de vehículos con chofer aos conselleiros, mentres o resto (directores xerais, etc.) deben compartir coche solicitándoo ao parque móbil. Malia isto "o descaro chega até tal punto que o propio responsable do parque móbil foi visto chegar en coche oficial con chofer ao recinto de San Caetano".

GC púxose en contacto co Gabinete de Comunicación da Xunta para dar a coñecer a versión da Administración pero aínda non recibiu resposta.
Petición de supresión do transporte de altos cargos dende casa a San Caetano

Por outra banda, os traballadores reclaman ao Goberno que impida que os altos cargos poidan tirar de coches públicos para acudir ao seu posto cando viven fóra de Santiago. Na súa opinión os argumentos que usa o Executivo para recortar o salario dos funcionarios deberían valer para rematar con esta prebenda, pois son precisamente os que máis cobran os únicos que teñen dereito a usar un medio público a súa medida parar chegar a San Caetano, mentres que o resto ten que ir en transporte público ou no seu vehículo particular.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada